Todos os calendarios na sección de Resultados e Clasificacións
25 de Maio de 2011
Todos os calendarios na sección de Resultados e Clasificacións
25 de Maio de 2011
Pechada a inscrición con máis de 300 equipos
25 de Maio de 2011
Bertamiráns (sub 14 e sub 12), Cova da Piedade (sub 13), Abanqueiro (sub 11), Conxo (sub 10), Os Belenenses (sub 9) e Cabo de Cruz (sub 8) son os últimos campións da sétima edición da Compostela Cup do Camiño, tralas finais de fútbol-7 disputadas esta mañá no estadio de San Lázaro. Centenares de seareiros, moitos deles chegados desde Portugal, ambientaron a mañá con cánticos e ánimos aos seus equipos, facendo que a grada tivese un aspecto moi colorido e festivo, cuns mil asistentes. Ao igual que no resto das modalidades, é salientable a deportividade mostrada polos participantes en todas as xornadas da competición.
As finais de hoxe comezaron cos encontros decisivos das categorías sub 14 e sub 13. Na primeira houbo que agardar á tanda de penaltis para coñecer o campión. Despois de chegar ao descanso cun empate sen goles, o Bertamiráns adiantouse ao comezo do segundo tempo, pero cando restaba un minuto para a conclusión do choque, o Amio logrou empatar. O equipo amiense certificou a súa vitoria nos penaltis (4-3 na tanda).
En sub 13 tamén houbo igualdade entre os dous contendentes lusos: Cova da Piedade e Leâo Altivo. Especialmente na primeira metade, que concluíu con empate a dous goles. Xa na segunda o Cova adiantouse e non perdeu a vantaxe. Nos últimos intres anotou o 4-2 definitivo para proclamarse campión.
Na categoría de menores de 12 anos enfrontábanse na final o Santiago e o Bertamiráns, e os segundos mostráronse superiores desde o comezo para sumar o seu segundo título da mañá. Os amienses conquistaron o trofeo cun triunfo por un claro 4-0 na final.
No referente aos menores de 11 anos, a vitoria foi aínda máis contundente. Neste caso foi o Abanqueiro o campión, despois de derrotar ao Clip portugués por 7-1. Xa no descanso gañaban os galegos por 4-0.
En sub 10, o Abanqueiro tivo que conformarse cun moi meritorio segundo posto, xa que nesta categoría non puido gañar a final e perdeu co Conxo por un claro 6-2. O Conxo xa gañaba no descanso por dous goles de diferencia (4-2) e anotou dous máis na segunda metade para sentenciar o marcador.
O título na categoría sub 9, na outra final portuguesa do día ademais da sub 13, foi para Os Belenenses. A igualdade foi máxima durante todo o encontro e foi só un gol o que decidiu o campión nesta edición. Os Belenenses impúxose aquí ao Leâo Altivo (1-0).
Por último, o Cabo de Cruz proclamouse campión da categoría de menores de 8 anos, na última final desta mañá. Este equipo enfrontábase ao Amio no choque decisivo e a igualdade entre os contendentes tamén foi a nota predominante. Finalmente o Cabo de Cruz logrou vencer por 2-1.
Os premios na modalidade de fútbol-7 foron para David Díaz (Bertamiráns FC) como mellor xogador sub 14; Daniel Miranda (Leâo Altivo) como mellor sub 13; Pablo Porrúa (Bertamiráns FC) como mellor xogador sub 12; Izan Dávila (Abanqueiro SD) como mellor sub 11; Ricardo Oliveira (EF Hernâni) como mellor xogador sub 10; Antonio Balado (Os Belenenses CF) como mellor xogador sub 9); Rodrigo Oliveira (EFGB Olivais) como mellor sub 8; Vasco Franco (EFGB Olivais) como mellor adestrador; e Alain Kevin como mellor colexiado. Os trofeos e as medallas aos finalistas foron entregados por María Pardo, concelleira de Santiago de Compostela; Manuel Ferreiro, concelleiro de Deportes de Ames; Santiago Araújo, xerente da Fundación Compostela Deporte; Quico Fernández, representante da Federación Galega de Fútbol; Eduardo Casal, representante do Comité de Árbitros de Santiago; e Alfonso Salgado, de Beirasar de Xestión.
A fase final da Compostela Cup 2011 concluíu cunha foto conxunta de todos os premiados en fútbol-7 e o famoso We are the Champions de Queen como telón de fondo.
A modalidade de fútbol-7 da Compostela Cup do Camiño 2011 coñecerá mañá aos sete campións, nas finais que terán lugar a partir das 10:00 horas no estadio de San Lázaro. Amio e Cabo de Cruz, en sub 8; Os Belenenses e Leâo Altivo B, en sub 9; Abanqueiro e Conxo, en sub 10; Abanqueiro e Clip, en sub 11; Santiago e Bertamiráns A, en sub 12; Cova da Piedade A e Leâo Altivo, en sub13; e Amio e Bertamiráns, en sub 14; son os conxuntos vencedores das semifinais. Como en todos os días da competición desta modalidade, foi extraordinaria a presenza de centenares de seareiros, especialmente portugueses, nas bancadas dos campos nos que se xogan os encontros.
Na categoría sub 14, Amio e Bertamiráns loitarán polo título a partir das 10:00 da mañá, despois de que ambos sufrisen hoxe para meterse na última rolda. O Amio tivo que agardar aos penaltis para superar á Esteirana, mentres que o Bertamiráns gañou por un axustado 1-0 ao Trofense luso.
Á mesma hora en sub 13 xogarase unha final totalmente portuguesa, xa que o Leâo Altivo logrou anotar un gol para vencer ao Victoria nas semifinais (1-0). No outro encontro, entre dous equipos lusos, impúxose o Cova da Piedade A ao Linda a Velha A (4-3).
En sub 12 o partido polo título terá lugar ás 11:00 horas, sen representación do país veciño. Hoxe o Santiago gañou ao S. Estrada por 2-1 e o Bertamiráns A ao Sálvora por 3-2, polo que se citarán na final.
Na franxa de menores de 11 anos, terá lugar o único enfrontamento na final entre galegos e portugueses. Nas semifinais de hoxe o Abanqueiro sufriu para dobregar ao Conxo A, xa que gañou 1-0, e o Clip tívoo aínda máis complicado, xa que superou ao Fabril B nos penaltis, despois do 1-1.
O último encontro da categoría sub 10 será o que enfronte, ás 12:00 horas, ao Abanqueiro e o Conxo, que non o tiveron doado para meterse na final. O Abanqueiro tivo que facelo a través da tanda de penaltis, despois de empatar 1-1 no tempo reglamentario, e o Conxo venceu aos lusos da Cova da Piedade A por 2-0.
A final sub 9 preséntase como unha das máis atractivas e igualadas, xa que enfronta a dous conxuntos portugueses que mostraron un gran nivel ata o momento: Os Belenenses e Leâo Altivo B. A pesar diso, os dous tiveron que resolver o seu pase á final desde a tanda de penaltis, tras empatar 2-2 e 0-0 ante o Abanqueiro e o Villestro.
A última final en disputarse mañá será a da categoría sub 8, ás 13:00 horas, que enfrontará a Amio e Cabo de Cruz. Nas semifinais que disputaron hoxe en San Lázaro venceron a Bertamiráns (7-0) e Olivais (2-1), respectivamente.
Veteranos
Na modalidade de veteranos o título foi para o Racing San Lorenzo, que se proclamou campión da Compostela Cup despois de gañar todos os seus partidos da competición. Na final derrotou ao Sporting Estrada por un axustado 2-1, nun emocionante choque. Os dous venceran antes, nas semifinais, a Olivais e Cambalache. O título de mellor xogador desta modalidade foi para Moure, do Racing San Lorenzo.
Web creada e deseñada por Daniel Fraga Blanco utilizando o xestor de contidos Wordpress 36queries. 12.049