Ultima hora

Todos os calendarios na sección de Resultados e Clasificacións
25 de Maio de 2011

Pechada a inscrición con máis de 300 equipos
25 de Maio de 2011

Nova destacada

Centos de portugueses deron colorido á clausura da Compostela Cup do Camiño 2011

3 de Xullo de 2011

Bertamiráns (sub 14 e sub 12), Cova da Piedade (sub 13), Abanqueiro (sub 11), Conxo (sub 10), Os Belenenses (sub 9) e Cabo de Cruz (sub 8) son os últimos campións da sétima edición da Compostela Cup do Camiño, tralas finais de fútbol-7 disputadas esta mañá no estadio de San Lázaro. Centenares de seareiros, moitos deles chegados desde Portugal, ambientaron a mañá con cánticos e ánimos aos seus equipos, facendo que a grada tivese un aspecto moi colorido e festivo, cuns mil asistentes. Ao igual que no resto das modalidades, é salientable a deportividade mostrada polos participantes en todas as xornadas da competición.

As finais de hoxe comezaron cos encontros decisivos das categorías sub 14 e sub 13. Na primeira houbo que agardar á tanda de penaltis para coñecer o campión. Despois de chegar ao descanso cun empate sen goles, o Bertamiráns adiantouse ao comezo do segundo tempo, pero cando restaba un minuto para a conclusión do choque, o Amio logrou empatar. O equipo amiense certificou a súa vitoria nos penaltis (4-3 na tanda).

En sub 13 tamén houbo igualdade entre os dous contendentes lusos: Cova da Piedade e Leâo Altivo. Especialmente na primeira metade, que concluíu con empate a dous goles. Xa na segunda o Cova adiantouse e non perdeu a vantaxe. Nos últimos intres anotou o 4-2 definitivo para proclamarse campión.

Na categoría de menores de 12 anos enfrontábanse na final o Santiago e o Bertamiráns, e os segundos mostráronse superiores desde o comezo para sumar o seu segundo título da mañá. Os amienses conquistaron o trofeo cun triunfo por un claro 4-0 na final.

No referente aos menores de 11 anos, a vitoria foi aínda máis contundente. Neste caso foi o Abanqueiro o campión, despois de derrotar ao Clip portugués por 7-1. Xa no descanso gañaban os galegos por 4-0.

En sub 10, o Abanqueiro tivo que conformarse cun moi meritorio segundo posto, xa que nesta categoría non puido gañar a final e perdeu co Conxo por un claro 6-2. O Conxo xa gañaba no descanso por dous goles de diferencia (4-2) e anotou dous máis na segunda metade para sentenciar o marcador.

O título na categoría sub 9, na outra final portuguesa do día ademais da sub 13, foi para Os Belenenses. A igualdade foi máxima durante todo o encontro e foi só un gol o que decidiu o campión nesta edición. Os Belenenses impúxose aquí ao Leâo Altivo (1-0).

Por último, o Cabo de Cruz proclamouse campión da categoría de menores de 8 anos, na última final desta mañá. Este equipo enfrontábase ao Amio no choque decisivo e a igualdade entre os contendentes tamén foi a nota predominante. Finalmente o Cabo de Cruz logrou vencer por 2-1.

Os premios na modalidade de fútbol-7 foron para David Díaz (Bertamiráns FC) como mellor xogador sub 14; Daniel Miranda (Leâo Altivo) como mellor sub 13; Pablo Porrúa (Bertamiráns FC) como mellor xogador sub 12; Izan Dávila (Abanqueiro SD) como mellor sub 11; Ricardo Oliveira (EF Hernâni) como mellor xogador sub 10; Antonio Balado (Os Belenenses CF) como mellor xogador sub 9); Rodrigo Oliveira (EFGB Olivais) como mellor sub 8; Vasco Franco (EFGB Olivais) como mellor adestrador; e Alain Kevin como mellor colexiado. Os trofeos e as medallas aos finalistas foron entregados por María Pardo, concelleira de Santiago de Compostela; Manuel Ferreiro, concelleiro de Deportes de Ames; Santiago Araújo, xerente da Fundación Compostela Deporte; Quico Fernández, representante da Federación Galega de Fútbol; Eduardo Casal, representante do Comité de Árbitros de Santiago; e Alfonso Salgado, de Beirasar de Xestión.

A fase final da Compostela Cup 2011 concluíu cunha foto conxunta de todos os premiados en fútbol-7 e o famoso We are the Champions de Queen como telón de fondo.


Caixanova Xacobeo Fundacion Xunta de Galicia. Normalizacion Linguistica

Web creada e deseñada por Daniel Fraga Blanco utilizando o xestor de contidos Wordpress 31queries. 10.915

Ver nota legal